Saturday 18 de May de 2024

A rúa Ramón María Aller, na Agra do Orzán, reabrirá ao tráfico a mediados de semana, tras completarse a renovación da rede de saneamento


O Goberno de Inés Rey avanza no seu plan de remodelación dos espazos públicos no barrio, que tamén inclúe obras de mellora no percorrido entre

O Peruleiro e a rúa Barcelona, traballos que xa saíron a licitación

A mediados da vindeira semana, o Concello da Coruña prevé reabrir ao tráfico a rúa Ramón María Aller, no barrio da Agra da Orzán, onde xa remataron as obras para renovar a rede de saneamento iniciadas polo servizo municipal de Infraestruturas no pasado mes de xullo.

Neste período completáronse os traballos para a substitución dos antigos colectores, feitos con base de gres e con 200 mm de diámetro exterior, por uns novos de PVC e cun diámetro máis amplo, de 315 mm. Baixo estes parámetros, ademais de renovarse os materiais, apostouse por un diámetro exterior que reforce a seguridade fronte a posibles fugas.

Esta semana xa se procedeu á disposición da última capa de formigón na rúa —que esixe uns sete días de fraguado— e á recolocación das tapas de rexistro asociadas á rede de sumidoiros, os dous pasos previos á reapertura de Ramón María Aller, no que se repuxeron, en total, máis de 625 metros cadrados de pavimento de formigón.

Continuidade ao plan de melloras urbanísticas no barrio da Agra do Orzán

Ademais da renovación da rede de saneamento en Ramón María Aller, o Goberno de Inés Rey tamén acometeu en meses previos a substitución dos antigos colectores de aguas residuais e pluviais no treito da rúa Manuel Deschamps que vai cara a Almirante Mourelle.

Por outra banda, e xa a finais deste mes de agosto, o Concello aprobou a licitación das obras para mellorar a accesibilidade entre O Peruleiro e a rúa Barcelona. A actuación céntrase nas rúas Fanny Garrido e Julia Minguillón, así como en treitos das rúas Manuel Deschamps, Almirante Mourelle e Páramo. O obxectivo do Goberno municipal, neste percorrido, é gañar espazos peonís, remodelar os pasos de peóns, renovar as redes de saneamento, iluminación pública e mobiliario urbano, ademais de dispor máis árbores alí onde a vexetación non estreite os itinerarios peonís.

O orzamento da actuación é de algo máis de 600.000 euros. Unha vez que se adxudiquen os traballos e se poñan en marcha, terán un prazo de execución de nove meses.